07/12/2017

Relatos e microrrelatos. Capítulo 3 - A matanza.

Foi nunha cea de empresa. Eu volvera de China apenas un ano antes e comezara a traballar en Ourense. Nova cidade, nova vida, e sobre todo, nova climatoloxía. Aquela semana comezara o frío de verdade con temperaturas por debaixo dos cero graos centígrados. Na cea o ambiente era distendido e as cuncas de ribeiro axudaban a devolvernos a cor á cara. En realidade non se trataba dunha cea ao uso, senón que saíramos de tapas parando polos bares que os maiores festeiros da empresa recomendaban. Unha sorte de ruta da Esmorga, como non podía ser doutra forma en Ourense.
O percorrido levounos a un bar que tiña como especialidades a orella e o rabo de porco. A cousa íase relaxando e as conversacións migraban pouco a pouco do traballo a temas máis mundanos. Ao cabo descubrín que aquela semana todos comezaran coa época de matanza. Quizais aquelas cuncas axudaron a que a miña curiosidade vencera á miña vergoña urbanita, non o sei, pero o caso é que comecei a interrogalos sobre todo o ritual. As anécdotas de todos eles axudaron a construír un relato cheo a partes iguais de sangue e festa, e do que eles como ourensáns sentíanse orgullosos.
Eu quedara moi contento coas explicacións, polo visto a festa cambiara moito co decorrer dos anos, e agora apampábase ao porco antes de matalo para evitar o seu sufrimento. A nosa ruta continuou e tras os bares e as tapas chegaron as copas e os pubs. Con eles remataron as conversas que deron paso aos bailes duns corpos xa totalmente desinhibidos.
A madrugada botóusenos enriba antes do previsto, e eu que estaba moi canso decidín recoller o meu abrigo e despedirme para volver a casa. No camiño de volta volvín pasar por diante daquel bar no que coméramos orella. A reixa da entrada estaba a medio pechar e a luz apagada. Do seu interior saiu de súpeto un home que recoñecín como o camareiro que nos atendera. Saudeino automaticamente e el correspondeume ao tempo que do seu peto sacaba un cartón de rubio americano. A penas avanzara un par de metros cando aquel home chamou por min. Eu xa tiña preparada a resposta "síntoo, non fumo", pero o home sorprendeume con outra pregunta:
—Non es ti o que facía tantas preguntas sobre a matanza?
—Ah! Sisi, son eu— contestei sorrindo.
O home acendeu un cigarro e tras a primeira calada continuou falando:
—Pois mira rapaz, deixa que che conte unha cousa. A matanza non é só unha festa, a matanza divide a sociedade en catro tipos de persoas diferentes. Por unha parte están os vexetarianos: estes son a xente que está en contra e intenta boicotearte. Logo están os sensibles: estes so os que queren comer os chourizos pero escóndense dentro da casa para non escoitar os berros do porco nin ver o sangue. Son xente que quere os beneficios pero sen tomar riscos. O terceiro grupo son os comprometidos: estes son os que agarran ao porco. Quizais non lles guste o sangue, pero saben que calquera recompensa exixe un sacrificio previo. Finalmente están os executores:  estes son os que cravan o coitelo ao porco. A diferencia dos comprometidos, os executores si que desfrutan da matanza e do sangue.
—E estes serían os emprendedores, non? —interrompino eu entre risas— interesante análise.
—Non —contestou seriamente—, estes son os tolos.
Eu seguía sorrindo, pero a seriedade do meu interlocutor tornara a situación en algo incómoda e os dous quedamos sumidos no silencio. Decidín despedirme para seguir o meu camiño, pero chegados a este punto a miña curiosidade era tal que antes de dar o primeiro paso os meus beizos sorprendéronme cuspindo unha última pregunta:
—E ti, en que grupo de persoas estás?
O home fitoume ao interior dos meus ollos e deu unha longa calada antes de responder:
—Eu son un executor.
A continuación tirou a cabicha e volveu a entrar no bar sen despedirse. Eu regresei dereito a casa. A calefacción deixara de funcionar varias horas antes, así que como facía tanto frío decidín quentar no microondas unha almofada de sementes para quentar os pés mentres durmía. Un ruído no portal sorprendeume mentres agardaba porque o microondas deixara de dar voltas. Identifiqueino como algo metálico. Seguramente as chaves doutro que volvía de troula. A persoa que acababa de entrar no edificio comezou a subir de forma lenta e pesada as escaleiras. Cada chanzo que subía facía retumbar o chan. De súpeto volveu a producirse un ruído metálico. Pero desta vez estaba claro que non se debía ao son dunhas chaves ao caer. Era outra cousa, como unha folla de aceiro ben afiado. A temperatura do meu corpo subiu de golpe e xa non necesitaba a almofada de sementes. O meu corazón púxose a mil, aquel ruído só podía ser o dun enorme coitelo. Abalanceime sobre a porta e dinlle todas as voltas que puiden á pechadura. Botei unha ollada polo ferrollo, a luz estaba acendida e podía ver un anaco da escaleira. Con todo xa non se escoitaban pasos, quen fora que estivese aí parara. O timbre do microondas chamou por min. Recollín a almofada e metinme en cama intentando convencerme de que todo eran imaxinacións miñas. Ao cabo quedei durmido.
Á mañá seguinte sorría mentres almorzaba e recordaba todo o sucedido a noite anterior. A capacidade de autosuxestión da mente humana non ten límites. Pero o sono todo o cura, e eu recuperara o humor e tan só pensaba en aproveitar aquel día festivo para volver a Vilagarcía. Recollín todo rápido e saín a polo coche. Ao baixar o último tramo de escaleiras tropecei con varios veciños que discutían acalorados. Preguntei que pasara, e un deles sinaloume o portal. "Mira, algún simpático que non tiña outra cousa que facer onte. O presidente acaba de marchar a comisaría a poñer unha denuncia". Diante da porta había un gran charco de sangue e unha cachucha de porco sobre el. Aquela visión provocou no meu corpo unha baixada de tensión e caín cara atrás con sorte de quedar sentado. Un dos veciños comezou a darme aire ao tempo que me preguntaba "pero que tes? que che pasa?". De súpeto o portal abriuse e apareceu o presidente da comunidade. Viña só e traía mala cara.
—Pero Manolo —preguntoulle un dos veciños— como é que non vén a policía a levantar acta?
—Non te preocupes, virá máis tarde —contestou en voz baixa o presidente.
—Desde logo non sei para que pagamos os impostos —comezou a queixarse un dos veciños— cando os necesitas nunca están. Que terán tan importante para non vir aquí xa no momento?
—Debe coincidirlles coa hora do café —contestou outro.
—Non é iso Pepe —interrompeuno o presidente cun xesto serio­—, hoxe a policía ten preocupacións maiores. Esta madrugada asasinaron aos donos dun bar do centro. Ese no que fan tan ben a orella.
—De verdade? Onde imos parar! Seguro que foi algún drogadicto para roubar cartos! —regresou á carga o veciño que se queixara da policía.
—Hai algo máis que iso Pepe —continuou o presidente— os corpos apareceron despezados, abertos en canal, sen as vísceras e colgados na cámara frigorífica.
Fíxose o silencio. Todo o mundo miraba con incredulidade ao presidente e con incapacidade para pronunciar ningunha palabra máis. Ao cabo, unha das veciñas preguntou en alto o que todos reflexionaban no seu interior:
—Pero... quen podería... que clase de tolo...?
Aínda sentado nas escaleiras recuperei o alento e trataba de asimilar toda aquela información. A miña mente repasaba cada detalle das últimas doce horas. Como era posible? Aquilo parecía un soño. Un pesadelo no que eu era o único que sabía a resposta á pregunta da señora, no que eu sabía que o culpable... fora un executor.

17/09/2015

A Odisea. Maxia en Song Shan Lake.

Todo sucedeu moi rápido, e cando agora o penso non podo parar de sorrir. Foi maxia pura.
O máis estraño é que teño a impresión de que as cousas non sucederon por azar. A maxia veu precedida dunha serie de decisións, aparentemente sen importancia, que me conduciron ata o tesouro final.

Esta é a historia do paseo máis extravagante que tiven en bicicleta.

Foi o sábado a mediodía. Todo comezou cando estaba na metade do meu clásico percorrido en bici por Song Shan Lake e dispoñíame a encarar o camiño de volta a casa. O carril bici nese lugar  vai pegadiño a unha gran avenida de 3 carrís de dirección en cada sentido. Unha cousa que pasa en Song Shan Lake é que a vexetación que limita as rúas é tan mesta, que un nunca sabe o que pode haber a tan só tres metros en paralelo da estrada. Quizais un bosque, un lago, un solar en construción, unha autoestrada...
O caso é que mentres eu pedaleaba empecei a escoitar a voz dun home dicir os números en chino por un altofalante. Ben, que falara en chino non tiña maior misterio, o curioso tería sido que os dixera en galego. Pero a cuestión é que a voz viña dalgunha parte máis alá da outra beira da avenida.  Dun lugar oculto polas árbores. Aquela voz converteuse nos cantos de serea que marcaron o inicio da miña Odisea.
A curiosidade era moi grande e non tiven máis remedio que cruzar a rúa e introducirme polo primeiro camiño que atopei seguindo aquela voz. Para ser sinceros, pensaba que daría cunha barbacoa de empresa na que os traballadores estarían facendo ximnasia ao son dos números. De feito ía rindo pensando no asunto cando de súpeto, ante min apareceu a porta dun zoo. De como pode ser que tras un ano vivindo aquí non soubese que había un zoo tan próximo non teño explicación. O caso é que alí se anunciaban leóns, crocodilos e toda clase de bestas. Curioseei un pouco achegándome ao aramado, pero non conseguín ver nada. A voz dos números saía do interior do recinto, polo que supuxen que debía haber algún espectáculo con animais amestrados. Pousei a bici e agarreime ao aramado para ver se podía coller un pouco de altura e ver algo máis, pero entón vin que o que identifiquei como un homo sapiens taquillensis non me quitaba ollo e engurraba o cello, polo que decidín seguir coa miña ruta para non estresar o animal.

O que pasa é que chegado ese momento eu xa non fun capaz de volver atrás. Pola contra, na dirección do novo camiño soaba música a todo volume, e cando un empeza a explorar é difícil frearse. Así foi como descubrín que tamén alí había un pequeno parque de atraccións, e máis alá, un fermoso lago moi tranquilo onde dunha beira unha familia xogaba cunha cometa e da outra unha parella de recén casados sacaban fotos.
Foi nese momento cando o pensei. "Desde logo Song Shan Lake a veces parece un lugar máxico", dixen para min, e aquel pensamento acompañoume o resto da xornada.




Aparecín entón de novo na estrada principal, pero no meu ánimo xa non estaba a volta a casa, se non unha sede insaciable por descubrir máis. Decidín entón xirar no primeiro cruce e atreverme coa gran aventura, a exploración do gran lago, a busca do auténtico Lago de Song Shan.
Para iso e como quería ver unha zona totalmente nova decidín continuar por unha gran avenida que pensei que nalgún momento se atoparía co lago.
A miña decisión pareceu ser tomada como unha afronta polos deuses gregos, e as nubes deron paso a un gran sol que esmagaba as miñas costas.
De súpeto as árbores desapareceron e aquela travesía por un deserto de asfalto non presaxiaba nada bo. Pero entón dinme conta de que aquela falta de vexetación só podía significar algo. Estaba cruzando unha longa ponte, estaba pedaleando sobre o gran lago de Song Shan.

Despois de algún quilómetro máis, por fin atopei un acceso ao paseo que circula á beira do lago. Introducinme por el e continuei a miña aventura á vez que as nubes volvían tapar o sol. Das máxicas cousas que un pode ver alí, deixádeme que me centre nunha que sendo galego entenderedes que non poida pasar por alto. Entre toda a fauna que alí puiden ver (principalmente libélulas xigantescas), divisei de súpeto un fato de vacas que pastaban tranquilamente. Achegueime ata elas rapidamente, pero cal foi a miña sorpresa cando me din conta de que por moito que me acercaba o seu tamaño non aumentaba. Non era un problema de perspectiva, aquelas vacas eran realmente pequenas, faría falta xuntar a catro delas para facer unha das nosas!
Aqueles animais recordáronme ao país de Lilliput, situado nunha illa habitada por seres diminutos e no que recalou Gulliver na primeira das súas viaxes. E recordei tamén que Jonathan Swift relata que noutra das súas viaxes, Gulliver parou por Xapón de camiño a un daqueles curiosos lugares, polo que non me estrañaría nada que estas vacas tivesen chegado ata o lago desde o país de Lilliput (que seguramente quede cerca desta beira do Pacífico).
Tomei unhas fotos e continuei a miña viaxe.



O sol volvía a descubrirse por momentos e nas zonas sen sombra o sufrimento era unha constante. Conseguir auga converteuse nunha prioridade para min. Non debería ser algo complicado pensei, ao fin e ao cabo isto está cheo de vendedores ambulantes.
Ao final da seguinte curva apareceu un. Estaba sentado ao xeito chino, de crequenas pero apoiando toda a planta do pé. Era un home maior, e nel advertín unha mirada profunda que interpretei como a mirada dun sabio. Baixei a marcha para contemplar o que vendía. Non había auga, pero había un tesouro. Unha desas marabillas que de cando en vez aparecen en China, un sombreiro Mariboro. Como se dun acto reflexo se tratase sorrín e mirei para o vello. El ignoroume por completo e mantivo a súa mirada no infinito.



Contrariado recomecei a marcha, debía atopar auga si ou si. Un par de curvas máis tarde, ante min apareceu unha tenda de bicicletas cunha gran neveira desas de "sírvase vostede mesmo". Achegueime con cautela, pois ben sei que nestes casos de deshidratación os espellismos poden causar malas pasadas, e o que parecía unha neveira ben podería resultar un simple armario ou aínda peor, unha neveira desenchufada. O rapaz que atendía o negocio achegouse ata a min, o seu sorriso ocupáballe o 90% da cara, e miraba para un lado e para o outro como querendo chulearse do internacional que chegara a ser o seu negocio. Pagueille 3 yuans e leveime a botella máis fría que había. Aquela auga fresca sentou ao meu corpo como a apócema máxica aos galos, ou a xelea real a Jimmy Giménez-Arnau.
Mentres descansaba na sombra, ao meu maxín volveu a imaxe daquel vello vendedor ambulante de mirada profunda e do sombreiro Mariboro.  Canto non sería de marabilloso ter captado aquela imaxe para a posteridade!

Subín á bicicleta para continuar a miña travesía, pero entón dinme conta de que o subconsciente traizoarame facendo que xirara á esquerda e volvendo sobre o camiño andado. As gañas de conseguir aquela fotografía guiaban agora os meus pasos.
Cando alcancei o lugar tiven a sensación de que algo cambiara. Se ben o sombreiro Mariboro seguía alí, o vello vendedor de mirada profunda transformárase agora nun home maior de mirada despistada. Vaia, pensei, ou este home é meigo ou o problema de deshidratación que tiña era realmente grave. Decidín parar a bici de todo e poñer pé a terra. Se ben aquel home non era o que eu agardaba, a foto aínda podía valer a pena.
Dirixinme a el para preguntarlle se lle podía sacar unha foto ao sombreiro e outra a el. O home, que ata aquel momento nin me mirara contestoume que si ao primeiro e non ao segundo. Insistín un pouco, pero a contestación final veu desde a outra beira do paseo. A súa muller, que vendía as mesmas cousas do outro lado, non tiña dúbidas: non había foto.
Así que era iso, quedei barrenando, aquela mirada profunda debíase tan só a iso, á incapacidade que tiña aquel home de entender o que lle estaría contando a muller desde o outro lado do paseo naquel instante.
Non vos negarei que me sentín algo decepcionado, onde cría ter visto un meigo atopei a un sufridor. Pero ao mesmo tempo e nun arrebato de solidariedade masculina, decidín que polo menos lle compraría o sombreiro Mariboro.
Cando xa me dispoñía a continuar a marcha e co móbil aínda na man, ocorréuseme que se ben aquel home non quería ser retratado, ben podería exercer de fotógrafo. Así que lle pasei o aparato e posei co meu sombreiro recén comprado diante da bici.

Entón foi cando sucedeu.
A maxia estaba a piques de facerse realidade.

Aquel home de mirada profunda que despois foi despistada abriu completamente a boca e mentres ría comezou a facer xestos cunha man. Quería que eu fixera o signo da vitoria, o signo co que se retratan todos os chinos nas súas fotos de perfil. Eu, levado polo entusiasmo do seu sorriso, aceptei a invitación.
O home devolveume o móbil, e despois dos saúdos de rigor con el e mais a muller, continuei, agora si, a travesía.

Aquela viaxe pasaba xa das dúas horas, e sentín a necesidade de rematar co periplo e volver á civilización. Cando por fin, e grazas ao GPS, conseguín saír ao norte do lago, dirixinme a unha cafetería (que en chino se debe dicir Starbucks, pois non hai outras), e relaxeime nun sofá saboreando unha cunca de café e arrefriando o corpo co aire acondicionado.
Á miña mente volveron as imaxes daquel día, de como a maxia se apoderara del, dos lugares e animais marabillosos que descubrira, e daquela parella de vendedores ambulantes que eu tomara por meigos.
Saquei o móbil do peto e comecei a repasar as fotos. Aquel primeiro lago marabilloso, a familia da cometa, a parella de recén casados, as vaquiñas de Lilliput... e así cheguei ata a miña foto co sombreiro Mariboro.

E entón foi cando me din conta.

Aquel home de mirada profunda que logo confundín cun mísero mortal enganárame. Era un auténtico meigo, e diante miña tiña as probas.
Dalgún xeito que non alcanzo a comprender, aquel home traspasárame os seus poderes máxicos a través do sombreiro Mariboro. Como se dun jedi se tratara, conseguira levantar no aire a un neno tan só movendo os meus dedos ao xeito dun titiriteiro.




Recordo que quedei mirando ao sombreiro por un longo espazo de tempo. Podía ser aquilo certo?
No camiño de volta a casa tiven coidado de non facer movementos bruscos coa man, non quería que ningún neno máis saíse voando.
Ao chegar a casa gardei o sombreiro en lugar seguro e decidín non volver poñelo a non ser por caso de extrema necesidade. Estilo Spiderman, para que nos entendamos, un gran poder carrexa unha gran responsabilidade.

En fin, supoño que a gran maioría de vós a estas alturas pensará que todo isto é só unha historia de ficción, e que de maxia nada de nada.
Paréceme moi ben, pero deixádeme que vos diga unha última cousa: en Song Shan Lake, habelas hainas...





08/05/2015

A historia da nena china que me deixou paralizado.

Hoxe é venres e eu acabo de chegar a casa. Comeza a fin de semana.
Os venres ao saír do traballo é moi fácil estar contento. Ás veces penso que os do CIS, en vez de meter cociña ás enquisas, deberían pensar en facer as preguntas o venres á tarde. Claro está que entón sería o enquisador o que estaría traballando, así que quizais o efecto esperado se diluíse. En todo caso, a estas alturas da película nin co mellor chef do mundo conseguirían disimular o descontento.
O caso é que como dicía, os venres ao saír do traballo un está case que obrigatoriamente contento. Hoxe non podía ser menos, así que aproveitando a lixeirísima pendente que domina o percorrido entre a fábrica e a miña casa, deixeime caer coa bicicleta sen apenas dar pedais, aproveitando a inercia e desfrutando do camiño.
Desfrutar do camiño non é algo banal. En si mesmo, esta debería ser a nosa principal preocupación na vida, gozar da viaxe. Que o seu obxectivo é estudar enxeñería química? Máis lle vale desfrutar do camiño, porque como mínimo tardará cinco anos en completar o propósito.
Tanto me concentrei hoxe no camiño, que chegado o momento aminorei a marcha para sacar dunha patada uns restos de ramas que ocupaban parte do carril bici. A manobra en si requiría certa destreza: por unha parte non freei de todo a bicicleta, por outra acompañei o xesto cun xiro de pescozo como só Michael Laudrup sería capaz de facer. Non é que eu pretendese gustarme cunha mirada ao tendido, en realidade xirei a cabeza buscando a cara do ciclista que levaba detrás. Buscaba un xesto amigo, unha desas miradas que che digan "vaia crack meu! non só pedaleas con clase senón que tamén limpas o carril bici dos restos do temporal para facilitarme a circulación... e un momento, ademais tes os ollos azuis!".
O que atopei foi a típica cara de indiferenza do sur de China, esa que di "impórtame un collón, neno". Esta expresión digo que é do sur de China porque segundo me contan, noutras partes que non sufriron a meteórica industrialización deste lugar, a xente mantén o concepto de empatía, ollo, que non necesariamente de simpatía. Por suposto que non todos aquí son así, pero hai un espectro da poboación que acostuman ser homes de entre 25 e 45 anos que nin senten nin padecen. De feito, podes xurar sobre toda a súa familia despois de que non freen para deixarte cruzar nun paso de peóns, que a indiferenza coa que che contestan, só pode ser comparable á dun robot.
Pero hoxe é venres, e se aquel home non quería sorrir, que máis me dá? Ademais, xa habería máis posibilidades. Será por falta de xente en China!
Cando finalmente cheguei ao portal do edificio, dúas avoas desas que suman máis engurras que anos, sentaban nun banco enfronte da porta e ao lado duns bambáns. Á súa beira, un neno e unha nena duns 3 anos atendían ao que as señoras dicían. Cando só me quedaban 30 metros para chegar, as anciás percibiron a miña presenza, levantaron a vista e empezáronme a falar e a facer xestos coas mans para que me achegara. Nunca na miña vida me pasara isto, en China. Así que loxicamente repetín a manobra do pescozo, esta vez buscando á persoa á que ían dirixidas todas esas palabras e xestos. Alí non había ninguén, aquelas señoras falaban definitivamente comigo.
Eu lanceilles o mellor dos meus sorrisos e achegueime mentres repasaba mentalmente o guión do que dicir, que nestes casos redúcese a un "ola que tal", nos casos con máis sorte alcanzo a ampliar ata "traballo en China e son español", e se hai moita moita sorte consigo especificar que son galego. A esas alturas normalmente a xente xa se aburre, ou simplemente ábrese a porta do ascensor e marchan. É o que teñen este tipo de conversacións.
Non rematara de dicir ni hao cando descubrín porque tiñan tanto interese en que me acercara. Aqueles nenos encheran de terra un dos bambáns, e as señoras querían que eu interpretase o papel do policía, esa personaxe común en todas as culturas, que pode pasar de protexer os nenos a detelos e levalos á comisaría se se portan mal ou non acaban o prato de lentellas.
Aceptei o traballo. Non é que me gustase facer de malo, pero sempre me gustou xogar cos nenos. Así que apaguei o sorriso da cara, sinalei ao bambán e dixen "bu hao", literalmente, "non ben". De seguido mirei aos rapaces, mantendo o dedo acusador sinalando á terra.
Non tiven tempo para dicir máis nada, aquela nena comezou a chorar como eu nunca escoitara un pranto. Aquilo era terror puro que lle percorría todo o corpo. Achegouse ao colo da avoa dándome as costas e xa non volveu despegarse. O neno abriu a boca e os ollos tanto que tiven medo de se deixaría de ser chino. As vellas, veteranas nestes asuntos, sorrían cara a min ao tempo que me indicaban coa man que xa me podía ir.
Eu quedei paralizado, nunca oíra un choro así. Non sabía se conseguira dar unha lección á nena, crearlle un trauma, ou convencela de que os estranxeiros somos demos brancos.
Intentei captar a súa atención batendo as palmas, pero aquel pranto era imparable, e lonxe de remitir, aumentaba exponencialmente.
Despedinme como puiden do grupo e entrei ao edificio. Cando cheguei ao meu apartamento, na planta 17, acendín o aire acondicionado e sentei en silencio a descansar no sofá. Pero era imposible, ata esa altura chegaban os choros da nena.

Por iso me decidín a arrancar o ordenador e poñerme a escribir isto, como terapia. Porque se algún día esta nena cruza a fronteira e pode conectarse libremente a internet. Se algún día aprende a ler en galego e atopa o meu blog, quero que saiba, que non era a miña intención provocar nela esa dor. E tamén, que desde logo hoxe recibín unha lección de empatía.

12/03/2015

24 horas

Pasaban menos de 24 horas desde o meu regreso, e China volvía conseguilo...

Despois de 4 meses vivindo aquí, un cre que xa está preparado para deixar de sorprenderse. As cousas seguirán sendo estrañas, pero que máis dá que na autopista entre o aeroporto e a túa casa un camión vaia arrastrando a carga pola estrada, ti xa viches cousas peores.
Que importa que un amigo che amose un taser que comprou para levar no coche por se hai problemas. "Ils sont fous ces Romains", pensas. Pero no fondo sabes que aquí véndese de todo e a eles gústalles ter todo, nada novo a estas alturas.
Incluso despois, outro chino amósache a copia do que sería a versión do DNI de Obama en chino. A verdade que isto si que che arranca unha gran gargallada, pero é máis ben porque antes de ensinarche a tarxeta advírteche que aquilo é o seu novo carné de identidade, e claro, ver de súpeto a foto de Obama ten a súa graza. Aínda que sendo xustos, isto non sorprende, tan só é unha broma.

Agora ben, cando hoxe a mediodía encurvaba o meu corpo para proceder á inxestión do meu terceiro prato de noodles en menos de 24 horas, o que menos podía esperar era que a 12 de marzo, polo fío musical do restaurante empezase a soar unha versión china da panxoliña Jingle Bells co refrán en inglés e o resto en mandarín.
Así que mentres me esforzaba en evitar que aqueles longos fideos me saísen polo nariz debido ao ataque de risa, non puiden senón admitir a derrota, e concederlle a China, que pase o tempo que pase, sempre haberá ocasións para que me sorprenda.


27/11/2014

A miña experiencia nun hospital chino. Parte II: De como curei.

Un momento! Non sabes de que vai o conto do hospital? Non te preocupes, preme neste enlace (aquí) para acceder directamente á primeira parte da historia. 
  
-------------------

Así que como ía dicindo, aquel fin de semana pasou entre dores. Na miña cabeza comezou a agromar a idea de visitar un fisioterapeuta, e vendo que a cousa non evolucionaba para ben, o luns comenteino no traballo.
A primeira resposta que obtiven foi a de preguntarme se o que quería era unha masaxe.
Home claro, pensei, que esperabas oir?
Aquí son especialmente famosas as masaxes (de todo tipo), que conforman parte do Dongguang style. Así que eu retruquei cunha explicación do que era un fisioterapeuta, que entre outras cousas, fíxome ver que non é que eu entendese perfectamente o concepto.

Cando un explica algo a un chino pode estar seguro de dúas cousas: 1, que entendan ou non o que queres dicir sempre van a contestar que o entenderon (aínda que inventes palabras en inglés, ollo). 2, aínda que entendan o que dis, eles sempre reelaboran a información para adecuala a China.

Claro que cando a túa propia explicación é vaga e contén cousas como un médico que non é médico pero estudou na universidade, e que cura coas mans pero tamén pode usar desde agullas a máquinas de ultrasonidos... en fin, quizais tamén eu colaborei a facelo difícil.
Ao cabo, as palabras clave que serviron aos meus compañeiros para orientarse foron dúas: médico e agullas. Con isto foron a internet para ofrecerme ir ao Hospital de Medicina Tradicional China de Dongguang.

E así foi como chegamos por fin á cuestión do hospital.

Para os que non o saibades, en China hai dous tipos de hospitais, os públicos e os internacionais. En realidade non é que o de público signifique que vaias coa túa tarxeta do SERGAS chino e teñas barra libre, nin que no internacional vaia aparecer George Cloney para atenderte.
Como explican en Sapore di Cina (a miña web de referencia para todo o chino), en todos tes que pagar e en todos curante. A diferenza é que nun hospital público os médicos só falan en chino e o concepto de privacidade do enfermo é discutible, e no internacional pagas máis e hai médicos que falan en inglés e uns estándares de privacidade homologables aos occidentais (certo que despois do que se ve nalgunhas noticias que estamos tendo en España, este apunte é bastante discutible, pero vale para facerse unha idea).

Por suposto, antes de vir a China e despois de ler en internet sobre isto, insistín moito ao meu patrón en que me contratase un seguro que cubrise un hospital internacional, e así o fixo. En concreto contrataron o seguro cun hospital último modelo situado na cidade de Shenzhen, a uns 40 minutos en coche. De feito, e polas fotos que vin en internet, parece máis un resort de vacacións que un hospital. O que pasa que en China, os seguros o que cobren son cousas serias, cirurxías e procesos médicos que necesiten hospitalización. Agora ben, se o que queres é curar unha gripe, prepara a billeteira antes de ir ao médico.

Así as cousas, había que decidir se ir ao hospital público que me ofrecían os meus compañeiros, ou aguantar a ver como evolucionaba a cousa. E xusto nese intre foi cando na miña cabeza tomou forma un debate no que o mesmo argumento turraba en direccións opostas, a cuestión Alberto Fraga.

Eu sempre fun amante das anécdotas persoais. Poucas cousas aprecio máis que escoitar unha historia a un achegado: visualizar a escena na mente mentres a escoitas, preguntar ata o máis mínimo detalle, rir moito, e agardar a que chegue alguén novo para ter a posibilidade de volver escoitar o conto.
As anécdotas teñen moito de literario, porque unha vez que as escoitas pasan a formar parte do teu maxín. Irremediablemente acabas por deformalas e na túa mente xogas a intercambiarte polo actor principal, nun intento de imaxinar como tería cambiado o conto ou como te terías enfrontado ti á situación.
Por exemplo, eu de neno adoraba as historias da mili de meu pai, nas que non necesariamente tiña que aparecer el como un heroe, senón que moitas veces eran contos de supervivencia. O caso é que el contaba moi ben estas anécdotas ata o punto de que eu cheguei a lamentar que eliminasen o servizo militar obrigatorio, non por patriotismo nin ganas de guerrear, senón polas experiencias e compañeiros que deixaría de coñecer.

Outro gran contador de experiencias é o meu colega Fraga. Moitos dos que ledes isto xa o coñecedes, e en consecuencia, coñecedes as súas anécdotas acerca dos hospitais chinos. No caso deste rapaz, coñecelo e saber as súas anécdotas é algo que vai da man, un auténtico contacontos como el non desperdicia oportunidades.
Para o resto da xente, e resumindo, direi que durante un tempo viviu na China profunda, así que cando non lle quedou outra que visitar un hospital, el non tivo a sorte de poder escoller e viviu en primeira persoa o caos organizado máis absoluto. Montóns de xente nas habitacións, nenos que non necesitaban ir ao baño cando tiñan ganas e a falta de privacidade que sufriu forman parte do seu relato.
En definitiva, todo bastante desapracible. Pero claro, unha vez que estás aquí, a curiosidade por poder velo en persoa tira moito. Ademais, eu só ía a pola clásica masaxe de fisioterapia, por que non probar?


Así que alá fomos.
 
Entrada do hospital


O primeiro que atopei foi unha curiosa estatua enfronte do hospital. A cousa prometía, pero ao cruzar a porta, o vestíbulo de entrada non me dixo nada novo. De feito e por ser sincero, a arquitectura do edificio era do máis normal nun hospital, todo se vía bastante hixiénico e non había moita xente nese momento.
Despois de realizar un par de trámites administrativos nos que quedei rexistrado como M. guelcaaman e pagar unha pequena cota, collemos o ascensor para acceder á cuarta planta. Un letreiro traducido ao inglés deixoume ver que os tres primeiros pisos se referían a medicina occidental, mentres que a cuarta planta era a destinada á medicina tradicional china.

Ao sair do ascensor, de novo calma. Tan só un gran espazo diáfano cun mostrador no que atendía unha muller. O meu compañeiro falou con ela e acto seguido fixemos algo moi chino, percorrer os andadeiros da planta sen un criterio específico na busca dun doutor. De cando en vez entrabamos no que parecían as habitacións a preguntar. En realidade, eran grandes salas de tratamento nas que reinaba a tranquilidade máis absoluta. Na súa entrada unha mesa de madeira vella cun ordenador e un tallo de 3 patas para sentar. Pegadas ás paredes, un montón de camas separadas por cortinas nas que xacían unha gran cantidade de persoas maiores adormecidas. Foi a primeira e única vez desde que estou en China que a media de idade supera os 30 anos.

Finalmente apareceu o Doutor Cheng, e neste caso a palabra doutor refírese a médico (a doutor dos de verdade, que diría Jennifer Aniston en Friends). Cunha idade de entre 30 e 40 anos, o Doutor Cheng ten o aspecto físico perfecto que un agarda atopar nun fisioterapeuta. Máis aínda, este señor mantén como nunca antes vira as proporcións perfectas do Home de Vitruvio de Leonardo da Vinci.
O doutor sentou na banqueta sen respaldo da súa mesa e comezou a teclear no ordenador. Vaia lección de posición, era como unha figura de tetrix perfectamente situada en ángulos de 90 graos e aporreando o teclado. O meu compañeiro falaba con el en chino e de cando en vez comigo en inglés para que describise as dores. Despois observaban e asentían cando eu sinalaba a zona con problemas. Finalmente pasáronme un par de formularios escritos en chino para que asinase, saudáronse, e xunto co meu compañeiro marchei daquela sala rumbo do ascensor.
Nese momento, a miña expresión de guiri perdido en China acentuouse. Por que marchabamos sen a masaxe? Que asinara neses papeis? Pero sobre todo, era aquilo un hospital ou un fumadoiro de opio?

O meu compañeiro explicoume que tiñamos que baixar á segunda planta a facer unha radiografía por se había algunha vértebra afectada.
Ah carallo!, revolvinme, isto é o que explicaban en Sapore di Cina, con tal de inflar o prezo son capaces ata de facerme unha analítica dos triglicéridos, pensei. Con todo, e tras un pequeno período de reflexión, acabei por acougar e dinme conta de que o razoamento do doutor tiña sentido. Deste modo baixamos á segunda planta.

Ao abrirse a porta do ascensor tiven a sensación de entrar noutro hospital diferente. Un estreito corredor levounos ata unha sala de espera onde no fondo, tras unha enorme maraña de xente, situábase o portelo onde pedir a vez para facer a radiografía. Eu por moito que miraba non sabía como enfrontarme a aquel balbordo. En fin, había que conseguir o número, pero onde empezaba a cola?
Nunha segunda inspección máis meticulosa, observei que da outra parte do portelo, protexidas por un gran enreixado metálico, dúas mulleres repartían os tíckets segundo a lonxitude de brazo que o demandante conseguise introducir. Entre os berros en chinés e a coreografía conxunta que realizaban intentando ser os seguintes, aquilo parecía unha escena de The Walking Dead.
Mirei sorrindo ao meu compañeiro de traballo, pero el non me correspondeu. O xesto da súa cara cambiara completamente, el tamén entrara en transo. Sen poder evitalo vin como todo aquel tumulto o absorbía, e tras pouco tempo regresou co número da miña quenda aferrado á súa man.
Despois dunha hora de espera, as pantallas da sala proxectaron o meu número e nome, M. guelcaaman. Fixen a radiografía e subimos de volta á planta cuarta.

O Doutor Cheng sorprendeuse algo ao vernos, supoño que poucas veces alguén consegue regresar tan rápido da sala dos zombis. Observou as radiografías e deume as boas novas, non había nada de que preocuparse respecto as vertebras. En fin, entre dous delas non había a suficiente separación, pero para o doutor iso ía ter unha rápida solución en breves momentos, así que non era nada preocupante.
De súpeto, e como chegadas dunha película, apareceron dúas enfermeiras vestidas dun xeito a medio camiño entre o traxe de carnaval de enfermeira sexy e o uniforme oficial das enfermeiras do Doutor Zhivago. En concreto levaban vestido e medias brancas e un gorro enorme que na parte frontal caía aos lados e tiña unha gran cruz vermella no centro.
Non sei se por culpa da experiencia cos walking dead, ou porque elas eran unhas rapazas que, para ser sinceros, estaban máis preto do concepto de enfermeira sexy que do de monxa, pero ao meu compañeiro de traballo faltoulle tempo para pedir un tratamento subministrado por elas.
Así que adiantándome pola esquerda, o tipo deitouse nunha cama coas costas espidas mirando ao teito. Elas colleron unha enorme cantidade de vasos que eran parecidos aos iogures de La Lechera. Logo ían dándolles a volta, e tras un golpe de chama que acendían no seu interior cun chisqueiro, apoiábanos no corpo do meu compañeiro. Alí quedaban suxeitos grazas ao baleiro que se producía.
Eu acabei por ocupar a cama contigua, onde, a pesar das miñas dores, puiden rir a gusto do tratamento que lle deran ao meu colega.
Despois dun tempo quecendo a zona con mantas térmicas, o Doutor Cheng apareceu para darme unha desas masaxes que custa esquecer. Empregando a clásica técnica dos fisioterapeutas, as dores na zona afectada remitiron, ao tempo que aumentaban alí onde pousaba a man. Non contento coas costas e o pescozo, o doutor pasou á cabeza e cara, e supoño que foi aí cando aproveitaron para comunicarme que a min tamén me ían poñer os vasos de baleiro. Eu que estaba xa medio apampado, accedín coma un cordeiro e na miña alucinación vin marchar ao doutor dando viravoltas laterais ao tempo que chegaban as enfermeiras sexys.
Con todo, o doutor tivo que volver. Aquelas rapazas estaban acostumadas tan só ao corpo chino, e nalgunhas zonas do meu corpo, a cantidade de pelo impedía que os vasos formasen baleiro. Ao pouco, en torno ao meu corpo xerouse un debate no que o meu compañeiro de traballo, as enfermeiras e o doutor discutían sobre o procedemento adecuado para conseguir que os vasos quedasen suxeitos.
O tratamento acabou e o doutor doume uns consellos para evitar volver por aí. Podedes estar seguros de que niso estou.

Xa só quedaba unha última batalla, pagar a conta. Eu non as tiña todas comigo, irremediablemente a radiografía ía subir o prezo, pero finalmente este quedou en 40 euros ao cambio, que me pareceu bastante razoable.

Ao pór rumbo ao ascensor, o equipo médico ao completo despediuse de min cun enorme sorriso. Estaba claro que eu sería a anécdota a contar ese día ao volver do traballo. Supoño que por iso é xusto que eu escriba isto, hai que compensar.

 
Tratamento de vasos de baleiro supervisado polo Doutor Cheng


Nota final:

Para ser honesto, en realidade o tratamento dos vasos de baleiro fixéronmo aos tres días da miña primeira visita, cando fun dar outra masaxe para rematar o tratamento, pero isto ía camiño dunha terceira parte e xa era alongalo demasiado :D

13/11/2014

A miña experiencia nun hospital chino. Parte I: De como me lesionei.

A última semana de outubro, China me tiña preparada a visita dun vello amigo. Se xa estaba sendo difícil, ou quizais moi moi difícil, aclimatarse a este lugar, o meu corpo decidiu que aínda podían poñerse as cousas algo peor e optou por queixarse ao seu xeito. Así que, por que non celebrar o inicio da miña terceira semana no país con dores no pescozo e nas costas?
Claro está, nesta clase de problemas presumo de non ser un novato. Durante todas as noites daquela semana realicei con rigorosidade unha serie de exercicios para reforzar os músculos comprometidos e deixalos ben estiradiños antes de ir a cama.
E así foi como mellorei, ata que vin ao Doutor Jack (NOTA 1)...

O Doutor Jack é un dos personaxes cos que convivo no meu edificio de traballo e urbanización de vivendas. Unha persoa encantadora, cun sorriso sempre na faciana e un "nihao" na boca. Ademais ten unha particularidade, non fala nin papa de inglés.
Ao doutor coñecino o primeiro venres. Os meus xefes marcharan do desterro en Songshang Lake para atender ás súas familias (e de paso levar a roupa a lavar como só un estudante da USC é capaz de comprender). Os inconscientes que non temos as nosas casas a unha distancia aceptable, fomos cear xuntos para celebrar a volta ao traballo despois da festividade nacional China. A cousa parecía animada, levaban sete días sen verse, e claro, sempre hai que presumir algo diante dos colegas. O restaurante ao que fomos, era un deses que un espera visitar cando xa pasou en China un tempo prudencial para afacerse ás novas bacterias. Pero en fin, para algunhas cousas as terapias de choque funcionan, así que ceei e probei de todo.
Non quero estenderme aquí detallando a clásica liturxia que teñen á hora de decidir onde senta cada un, ou de como hixienizan os pratos con té antes de empezar a comer. Quedará para outro día. Porque o esencial desa noite é que en toda aquela mesa de polo menos 10 persoas, o único que non chapurreaba nin o máis mínimo de inglés era o Doutor Jack. Así que había 8 persoas dominando a situación, e logo estabamos o doutor e eu.
Pero claro, dun doutor un sempre espera unha análise crítica da situación. Unha mente capaz de dar un paso atrás para ver o problema en conxunto e tomar as decisións adecuadas que o resolvan. E abofé que as tomou. Non pasaramos da primeira cullerada de sopa e o doutor xa colocara ao seu carón un litro de cervexa.
O alcohol! ese gran aliado da comunicación, moito ten axudado en reunións internacionais.
Aquela mesa redonda na que, insisto, todo o mundo tiña un sitio asignado segundo a "importancia", o doutor cadrara xusto en fronte miña, e a base de "ganbei", "cheers" e "salud" demos boa conta ente os dous da cervexa.

Na volta a casa, o destino quixo que nos tocara no mesmo coche. Aquí a min trátanme como a un xigante. Sempre me deixan diante, de copiloto, para que estire as pernas. Na parte de atrás, o doutor Jack ía realmente animado. O seu inglés non mellorara nada, pero da timidez non quedaba nin rastro. A través da condutora, que falaba inglés, contoume que era doutor en enxeñería química. "Vaia por Deus! —pensei—. Agora entendo o da cervexa". Aproveitou tamén o traxecto para darme a súa tarxeta, momento no que eu sufrín pola súa saúde física. Nun país no que o frenazo está á orde do día, estirar os brazos ao mesmo tempo que se inclina a cabeza para entregar unha tarxeta non é precisamente o máis seguro.
E foi xusto nese momento cando oín as palabras máxicas...
O certo é que eu levaba un tempo co piloto automático posto. Estaba máis atento a mirar á fronte —e meterme na película de acción da que eramos parte na estrada—, que ao que se ía dicindo no coche. Pero de súpeto todo cambiou. "O doutor di que lle gusta moito xogar ao baloncesto, e que cando queiras que o chames ao teléfono da tarxeta para ir xogar á pista que hai na urbanización".

Ao día seguinte convencín ao meu compañeiro de traballo para que chamara ao Dr Jack, que eu xa dera en rebautizar como Dr. J.

Sobre a pachanga que botamos aquela tarde direi que foi unha mestura de sensacións. Por unha parte era como sentirse Michael Jordan. Picaban nos caneos, renunciaban ao rebote cando vían que te acercabas, non intentaban nin saltar para poñer un tapón... Pero ao mesmo tempo non me entraba un mísero tiro, e inexplicablemente, eles tiraban unhas pedras a ras de canastra cunhas porcentaxes de acerto dignas dun estudo de doutorado en física clásica.
Con todo saín contento. Levaba alí catro días e xa estaba establecendo as bases para "a pachanga de baloncesto". Só faltaba poñerlle o apelido: diaria, semanal...



Podo dicir que fixen honra ao dicionario da RAG.
Pero as cousas nunca son tan fáciles. Durante os días seguintes achegueime pola pista algunhas tardes despois do traballo. Pensaba, quizais estea o Dr. J, ou quizais estean xogando algúns rapaces e poda mendigar algo de deporte.
Pero o que atopaba eran unhas pachangas con varios equipos fóra agardando a súa quenda. Resultou que o deporte preferido da xente de Dongguan é o baloncesto, e durante todas as tardes se xuntan nas canchas para xogar. Para ser xustos, debo dicir que o nivel que teñen é bastante máis alto que o que atopei o primeiro día. Con todo, a teima de tirar a canastra sen darlle parábola é algo común a todos os xogadores.
Como solución optei polo clásico paseo diante deles botando o balón, a ver se algún me fichaba, pero non o debín facer moi ben. Ademais, alí había unha cantidade de xente agardando enorme, e o doutor, o meu enlace co baloncesto chino, nunca estaba por alí.

Despois chegarían as dores de pescozo e costas e xa nin a botar o balón baixaba. Ata que, como dixen ao empezar esta historia, o Dr. J volveu á escena...

Foi de novo un venres. O meu compañeiro de traballo non podía levarme a casa ao finalizar a xornada, así que se encargou de buscarme un sitio no coche da mesma rapaza do día da cea. E de novo, como un regalo do destino, sentado atrás estaba o Dr. J.
A rapaza, que todo hai que dicilo, fea non é, preguntoume que ía cear. Eu contesteille que non tiña nada planeado, que estaba aberto a todo tipo de suxerencias. "Que ben —dixo ela—, porque o Doutor Jia acaba de dicirme que quere invitarche a cear. Así que xa vos deixo diante do restaurante que eu quedei cunhas amigas". Algún día conseguirei o récord de que pasen de min mulleres dos cinco continentes e algún pingüín emperador.

Nos locais que rodean a nosa urbanización, abriron desde que eu cheguei moitos negocios novos, sobre todo restaurantes. Algúns con moi boa pinta, o cal segundo o meu compañeiro de traballo é sinónimo de comida picante. Aínda así non estaba preocupado, a rapaza explicáralle ao doutor que eu non era un gran afeccionado aos picantes, sobre todo de noite, e o doutor dixo que el igual.
Os restaurantes adoitan ter unhas enormes cristaleiras para que vexas o felices que son os clientes, e diante dunha delas quedei eu parado pensando en que pedir de cear. Pero entón dinme conta que o meu anfitrión continuara sen parar, dera a volta á esquina e agardaba por min enfronte a un local coa fachada totalmente aberta á rúa. Dentro, os clientes amoreábanse en mesas colocadas en ringleiras ao xeito das pulpeiras, e na parte dereita da entrada, unha señora nun pupitre repartía tíckets como os da carnicería do súper, para esperar a quenda.
O doutor pagou por dous números e invitoume a sentar nunha mesa. Dous potentes ventiladores sacaban como podían a calor que naquel pequeno local xeraban a cociña e os clientes. De entre o ruído, cada pouco tempo emerxían as potentes voces das camareiras, buscando aos propietarios dos últimos pratos preparados. Pouco tardaron en soar os nosos números. O doutor levantou enerxicamente o brazo ao tempo que berraba, a comida estaba servida.
 
Fideos chinos con algas, tofu, cacahuetes e uns cogomelos que parecen spagheti. Todo bañado nunha saborosa sopa de cor marrón.

O seguinte que ocorreu foi o clásico intento comunicativo. Eu quería practicar chino e el inglés. Ao final ningún conseguiu mellorar en nada, pero atopamos un lugar común, o baloncesto. Deste xeito, o que si logrei foi o compromiso para tirar unhas canastras ao día seguinte pola tarde.

Deste xeito chegou o día de autos. O certo é que cando me preparaba para baixar a xogar estaba un pouco preocupado. Durante a semana fixera exercicios de rehabilitación todas as noites e as dores melloraran moitísimo. Con todo, aínda sentía algo de dor no pescozo e lado dereito das costas. En fin, pensei, por tirar un pouco a canastra non vai pasar nada.
Xa na pista, e despois dun pequeno quecemento, decidín introducir ao Dr. J no xogo do 21. Máis que nada porque o que non pode ser na vida é ir facer deporte e que non haxa un gañador. Eu estaba alucinando cos pedrolos que largaba e como acababan entrando. E xusto cando estaba no medio dunha gloriosa remontada a base de tiros libres estilo Bodiroga, chegan tres rapaces e póñense a xogar na mesma canastra.
O caos organizado, isto é China señora!
Eu miraba para o doutor sen entender moi ben a situación. Na canastra de enfronte había un só home xogando, pero estes tres rapaces preferiron vir a interromper o noso xogo.
Como sexa que me teño por un home de ciencia, decidín tomar cartas no asunto e loitar contra a entropía. O resultado foi unha pachanga na que o doutor, o home solitario e eu enfrontámonos aos rapaces.
En fin, cando digo que eran rapaces, refírome precisamente a que eran uns adolescentes que me chegaban a min polo peito e pesarían como moito 60 kg. Ademais só un deles tiña maneiras. O resultado foi un anaco de tempo divertido no que quizais abusamos un pouco. Pero ao final o meu corpo dixo basta e empecei cunhas pequenas molestias. O mellor sería parar, pero...
 Pero entón empezaron a aparecer tipos que eu recoñecín. Eran os que organizan as pachangas diarias nese mesmo lugar. Non podía marchar, pero tampouco podía quedarme a xogar contra eles. Adoptei a que pensei era a mellor solución. Dixen que tiña que marchar pero que podiamos acabar a historia cunha partida rápida a 5 puntos. E así foi. Aproveitei para lucirme cun par de entradas a canastra con posterior mirada á grada. Os clásicos xogos xestuais para advertirlles, "volverei, e vós seredes os seguintes!".

Loxicamente cando cheguei a casa a chulería xa me pasara totalmente. Ese sábado acabara xa para min e a penas eran as sete da tarde. As molestias convertéranse en fortes dores e o resto do fin de semana nunha travesía polo deserto ata chegar ao luns, o día que visitei o Hospital de Mediciña tradicional China de Dongguan.

Porque aínda que pareza mentira, cando me sentei a escribir isto a intención non era outra que a de describir algo a experiencia no hospital.

Pero en fin, isto estase facendo moi longo, así que o desenlace da historia quedará para unha segunda parte.

Aínda así e a modo de spoiler para a familia, agora estou moito mellor, non se me preocupen.

NOTA 1: loxicamente o de Jack é un nome falso, iso si, o real tamén empeza por J. Ademais eu aquí ando algo Lost de momento, así que ter ao Doutor Jack cerca sempre reconforta. (Aclaración para o 90 % dos meus lectores, é dicir, para a familia: o Doutor Jack é o protagonista da serie Perdidos, Lost en inglés).

25/10/2014

Agárrate que veñen curvas. Consellos para sobrevivir ao tráfico en China.

Cando fixen o erasmus en Milán, a organización ESN recibiunos cunha festa na que proxectaron un vídeo cheo de estereotipos sobre as diferenzas entre os italianos e o resto de europeos. A parte central e que máis sorrisos espertou foi a relativa ao xeito de conducir duns e doutros. Aparentemente, Italia estaba chea de trucos e artimañas que rachaban coa suposta corrección europea, facendo que o seu estilo de conducir fose diferente.

Pois ben, sinto dicirlles aos italianos que nada máis lonxe da realidade.
O que os italianos fan son xogadas, trece catorces que dicimos en Vilagarcía: adiántome por aquí, fago isto que está prohibido aproveitando que non me ve ninguén... En fin, as clásicas imprudencias que todos en menor ou maior medida (aceptarei que os italianos se sitúan no extremo superior do intervalo) fixemos nalgunha ocasión.

Agora ben, isto si que é outra historia. China está sen dúbida na Champions League da condución hardcore. O famoso "caos organizado", do que darei conta nunha futura entrada do blog. É tal o nivel de diferenza, que me permite escribir unha clasificación coas mellores xogadas que teño visto polas tranquilas rúas de Songshan Lake.

Así que querido lector, escolle unha desas cancións que acompañan as reportaxes dos rankings cos mellores goles da temporada, reprodúcea no youtube ti que podes, e prepárate a gozar co TOP 5 da condución estilo China.

5. Hai que conducir sempre coa man dereita sobre a bucina.
Quizais sexa a razón de que todos os coches sexan automáticos. Pola súa parte, a man esquerda ten que ir sempre preparada sobre o mando dos focos para poder facer brillos coas luces de longa distancia. Esta disposición fai que o uso dos intermitentes se reduza a ocasións extraordinarias, quedando relegados, case en exclusividade, para indicar que se vai aparcar. Así que para os cambios de carril emprégase a combinación luces-bucina.

4. O coche sempre ten preferencia.
O cuarto lugar da lista está reservado para a regra máis útil a ter en conta para o europeo que viaxa a China. Explícome, dá igual que nunha rúa de catro carrís ti estes cruzando por un paso de peóns, non haxa apenas tráfico e o fagas a boa velocidade. No momento no que apareza un coche, aínda que poida cambiar de carril para sortear a túa traxectoria, nunca nunca nunca vai tocar o freo e deixarte pasar. Con sorte avisará tocando a bucina. Así que o que tes que facer é parar á altura da liña que separa os carrís, deixar que pasen os coches a escasos centímetros túa, e cando teñas ocasión, continuar ata alcanzar por fin a beirarrúa.

3. Só esta permitido respectar os semáforos.
Está é a principal norma que regula o tráfico. Loxicamente, como se explicou no punto anterior, afecta aos pasos de peóns, que non son necesarios de respectar senón todo o contrario. Pero tamén afecta ao resto de sinais horizontais e verticais. A modo de exemplo, nun cruce ou carril de incorporación, non é necesario facer stop ou ceder o paso, tan só basta con cumprir o seguinte punto desta lista.

2. Se o fas lento, vale.
Isto é o que máis me sube a adrenalina. Dá igual do que se trate: un cambio de sentido, incorporarse á circulación, conducir un treito por dirección prohibida... dá igual. Ninguén se enfada, como moito soará algunha bucina e verás brillos polo aire. Non fai falta que manobres rápido para molestar menos. Todo o contrario, a clave está en mover o coche moi lentamente. Os demais simplemente adecuarán algo a súa velocidade e hoxe por ti mañá por min.

.
.
.

E no número 1,

.
.
.


1. En caso de accidente, sinaliza.
O de mover o coche a unha beira da calzada para que non moleste mentres cambias a roda xa é máis discutible. Pero sinalizar si, por suposto. E se non tes os triángulos a man, un pequeno bidón vermello e un par de ramas valen para saír do apuro.

Que tes que cambiar a roda do camión no me dio da estrada...

...moi ben, pero non olvides sinalizar.

17/10/2014

O marco: Songshan Lake

Dicía Carlos Saa, profesor de química orgánica na Universidade de Santiago, que a clave está na base, en construír a pirámide do teu coñecemento mantendo sempre os cimentos no mellor estado posible. El referíase á química orgánica, pero o certo é que a idea dun marco sólido sobre o que empezar a construír algo é extrapolable a todos os ámbitos da vida.
Recordo que cando me decidín a vir a China, un dos primeiros contidos que caeron, neste caso, nos meus oídos, foron unha serie de podcast da bbc nos que un experto en China, Martin Jacques daba a súa opinión sobre o xigante asiático. A idea principal que desenvolve o autor é a de que non hai que entender China como un país ao uso, como unha nación europea vaia (se é que isto existe). Para el, China máis que un estado-nación é un estado-civilización. Un lugar onde poden convivir sistemas económicos radicalmente diferentes baixo o mesmo goberno. (Se queredes escoitar os podcast, pinchade aquí e baixade ata outubro de 2012).
Se eu quero falar algo de China a través da miña propia experiencia, o lóxico é que empece por recoñecer que a miña propia experiencia é primeiro moi subxectiva, e segundo moi limitada a unha realidade especial, a un lugar diferente, a Songshan Lake.
Polo tanto... Aviso a navegantes: cando falo dos chinos en xeral, refírome aos meus chinos en particular. Digamos que son deses obsesionados coa teima de explicar o global a través do local.
Insisto nisto porque se xa é difícil reflexionar sobre un lugar ou grupo de individuos, xa non falemos de algo tan grande como China.

Así que, que é Songshan Lake?
Mapa de Songshan Lake. En pequeno, abaixo á dereita pode verse o de Dongguan City.

Songshan Lake é unha das vilas ou distritos que conforman Dongguan City. O curioso deste lugar é que para empezar non aparece como un dos distritos de Dongguan na Wikipedia!
Cal é a razón? Pois que o goberno local decidiu fabricar unha vila da nada para atraer inversión a Dongguan (unha cidade que non tiña precisamente boa reputación no pasado). Así que onde antes había un lago e un bosque subtropical, o que agora hai son estradas de 4 carrís de circulación en cada sentido, vexetación subtropical perfectamente ordenada nas beirarrúas e parques, un carril bici e unha senda peonil que percorren á beira do lago maior; McDonalds, KFC, Pizza Hut e toda clase de restaurantes chinos en zonas comerciais último modelo; enormes urbanizacións de edificios con seguridade privada, un parque empresarial científico-tecnolóxico centrado en desenvolver produtos de alto valor engadido e base tecnolóxica (onde eu traballo); e entorno a uns cen mil habitantes chegados de todas partes de China agás desta. Ah claro, e por suposto todo isto foi creado en menos de 10 anos.

En fin, creo que con esta breve descrición xa temos unha base sobre a que ir contando historias.

Un saúdo a todos desde o salvaxe leste!

Vista de Songshan Lake co autor do blog escarallando a panorámica e co sol dándolle na cara para adaptarse rápido ás costumbres locais no que a apertura ocular se refire.

Vista de Songshan Lake desde a ponte que cruza o lago maior.

07/10/2014

Ciao Vilagarcía. Ola Dongguan.

En poucas horas collerei o primeiro dos avións que me levarán ao meu destino final, China. Ou máis ben, a outro planeta.

A verdade que ultimamente pensara moito neste día, e por suposto que pensara en escribir unha despedida desas emotivas, que comezan buscando a bágoa a carón da terra, pero cambian radicalmente contra o final ante o desafío da nova aventura.
Pero nada, cando puiden non o fixen, e agora o que me apetece é estar cos meus o tempo que me resta. Así que serei breve, e intentarei tocar pouco as emocións. Ademais, xa escoito o bater dos ovos, hoxe toca tortilla, como debe ser.

Para os que non o saibades marcho a Dongguan, provincia de Guangdong. Alí estarei traballando como o que son, enxeñeiro químico. O certo é que me ofreceron un traballo deses que tes que coller si ou si, e logo xa veremos.

Sobre o blog, direi que a miña intención é aproveitar esta a oportunidade e darlle un novo pulo. Así que confío en que sen ter que convertelo nun blog temático sobre China, si poida facer unha especie de crónica semanal sobre o que me chame a atención deste novo planeta e os seus habitantes.

E nada máis. En menos de 24 horas todo ao meu redor será estraño, o mellor será darse conta canto antes que non son eles os raros. Eu serei o extraterrestre, eu serei ET.

ATA PRONTO!!!



20/06/2014

A páxina en branco

Din que hai escritores con medo a ver a pantalla en branco. En realidade dise que teñen medo á páxina en branco, pero supoño que nestes tempos ten máis sentido optar pola pantalla.


Si, empezar sempre é difícil.